As últimas galerías. Xosé María Álvarez Cáccamo

 As últimas galerías. Xosé María Álvarez Cáccamo

O narrador, que simultaneamente é personaxe, debrúzase nas situacións, pois para Cáccamo, coma para Jean-Paul Sartre, a novela é un teatro de situacións. O relato elabórase a partir dunha indeterminación radical da situación, xa que tanto en Sartre coma en Álvarez Cáccamo, os feitos son irredutibles mais non determinan a existencia. O paradoxo da liberdade, como escribe Sartre, é que "só hai liberdade nunha situación e só hai situación pola liberdade"; a situación caracterízase pola súa continxencia e pola súa ambigüidade. Ao depender da liberdade, a inserción do significado na existencia fai que esta deixe de ser un longo río tranquilo, pois a través do senso a liberdade quere fixar unha relación co mundo que ha de ser necesariamente indeterminada para dar lugar ao porvir e para producir o mundo. Na novela de Álvarez Cáccamo, esa acción libre sobre o porvir reconstrúese cara ao pasado, o significado é a verdade que se lles quere escapar entre os dedos aos personaxes e, se cadra, se a novela é efectiva, tamén se lle ha escapar a quen le.

Alba Novo

Diana Cerviño