MICROPOEMAS gañadores da II edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas convocado polos equipos de normalización dos centros de ensino da Estrada
18-03-2015 11:24Micropoemas gañadores
1º / 2º ESO. Micropoema
“O interior do souto”, María Rozados Balboa (2º A ESO)
Sara camiñaba polo souto,
lentamente, observándoo,
sentíndoo pouco a pouco,
dentro do seu corazón.
Crecían no seu interior
as árbores, as flores,
as follas secas do outono,
os aromas e as cores.
3º / 4º ESO. Micropoema
“Baixo o ceo do souto”, Nicolás Luna Puente (3º C ESO)
Cando te lembro,
vexo o teu sorriso
mesturado coas follas secas,
a choiva e o amor infindo e apaixonado
do que gozabamos
baixo o ceo do souto,
mirando as estrelas
que campan neses días.
1º / 2º BACHARELATO. Micropoema
“Rendinme á miña torpeza...”, Lucía Tilve García (2º A Bacharelato)
Rendinme á miña torpeza: xestos brutos, caricias frías.
Retirei do seu cabelo o pasador e a miña man deixou ronseis nos mares de bágoas tardías.
A súa cuberta de follas cortaba o aire á vez que caía e quedou como quedan os soutos no [inverno: sen retóricas, adobíos, ornamentos. Espida.
Non lle quedaban xa nin rastro de aroma, inocencia, saliva.
Foi así, despois de tanto tempo, que a recoñecín. E borboriñei, murmurei e musitei:
- ¿Poesía?
Daquela só o silencio respondeu.
E que amargas as palabras de despedida.