MICROPOEMAS gañadores da II edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas convocado polos equipos de normalización dos centros de ensino da Estrada

18-03-2015 11:24

Micropoemas gañadores

1º / 2º ESO. Micropoema

O interior do souto”, María Rozados Balboa (2º A ESO)

 

Sara camiñaba polo souto,

lentamente, observándoo,

sentíndoo pouco a pouco,

dentro do seu corazón.

Crecían no seu interior

as árbores, as flores,

as follas secas do outono,

os aromas e as cores.

 

 

3º / 4º ESO. Micropoema

Baixo o ceo do souto”, Nicolás Luna Puente (3º C ESO)

 

Cando te lembro,

vexo o teu sorriso

mesturado coas follas secas,

a choiva e o amor infindo e apaixonado

do que gozabamos

baixo o ceo do souto,

mirando as estrelas

que campan neses días.

 

 

1º / 2º BACHARELATO. Micropoema

Rendinme á miña torpeza...”, Lucía Tilve García (2º A Bacharelato)

 

Rendinme á miña torpeza: xestos brutos, caricias frías.

Retirei do seu cabelo o pasador e a miña man deixou ronseis nos mares de bágoas tardías.

A súa cuberta de follas cortaba o aire á vez que caía e quedou como quedan os soutos no [inverno: sen retóricas, adobíos, ornamentos. Espida.

Non lle quedaban xa nin rastro de aroma, inocencia, saliva.

Foi así, despois de tanto tempo, que a recoñecín. E borboriñei, murmurei e musitei:

- ¿Poesía?

Daquela só o silencio respondeu.

 

E que amargas as palabras de despedida.