Relato de Yago López Vinseiro (2º ESO)

21-01-2015 11:18

Relato finalista do premio Adega na categoría xuvenil

 

 

 O vermiño e as castañas 

 

 

    Nun precioso lugar de Galiza, chamado A Estrada había un grande, robusto e precioso castiñeiro que producía as mellores castañas de toda a localidade.

    Un día, un vermiño conseguiu chegar, polo tronco, ata un ourizo. Custoulle moito, porque estaba moi arriba; cando se decatou de que estaba pechado, púxose moi triste e quedouse a durmir alá arriba, porque case non tiña forza para baixar.

    Pola noite soñou con deliciosas castañas no chan e ao seu alcance. Cando amenceu, as follas estaban humedecidas pola xeada da noite e ademais chovera bastante, como era común en Galiza.

    De repente deuse de conta que un ourizo estaba aberto, foi ata el, moi ilusionado, pero cando se puxo enriba do ourizo, este caeu ao chan. Estaba frío e mollado, e por se fose pouco cravouse unha espiña, dolorido conseguiu quitala coa boca, pero case non podía moverse.

    Pediulle axuda a cinco moscas que pasaban por alí. As moscas, fixéronlle caso e levárono ata un lugar seguro alonxado do castiñeiro e preguntáronlle que lle pasara, el contestoulle que estaba intentando coller unha castaña, que caera ao chan e agora estaba ferido.

    O vermiño díxolle ás moscas onde vivía e elas levárono aí. O vermiño pediulle as moscas que, se podían, collesen todas as castañas que puidesen e que llas levasen ata alí, cando as moscas chegaron xa non eran cinco, era imposible contalas, poderían se unhas trescentas ou incluso mais para levarlle as mellores.

    O vermiño, moi agradecido convidou a todas as moscas e aos seus amigos e familiares a comer castañas ao día seguinte.

    Pola noite estivo pensando o ricas que debían estar as castañas e sufriu a tentación de ir probalas. Cando probou a primeira non puido parar ata so deixar unhas poucas; eran pouquísimas en comparación aos centos delas que había antes.

    Ao día seguinte doíalle moitísimo a barriga aínda que o disimulaba moi ben. En cambio a ferida da espiña xa case era imperceptible e case non lle doía.

    Cando as moscas, os amigos e os familiares do vermiño chegaron á súa casa, sentiron rabia e a súa vez desilusión, o vermiño decepcionado polo que fixera, pediulles desculpas. Eles non lle fixeron caso e mentres marchaban, unha das moscas dixo que aínda que o vermiño cometese un erro, eles non tiñan que deixalo so, e cometer outro erro.

    Saíron afora da casa do vemiño e comeron as castañas que quedaban excepto el que xa estaba cheo de comer tantas castañas a noite anterior.