Relato de María Rozados Balboa (2º ESO)

21-01-2015 18:29

Relato finalista do premio Adega na categoría xuvenil

 

 O bosque secreto 

 

    Eva era unha nena chea de soños e ilusións coma delicadas nubes brancas que se ían tornando de gris polo fume das fábricas da oscura cidade onde vivía: unha cidade chea de tristeza. Eva non coñecía o ulor das flores na primavera nin as gotas de rocío despois da choiva. Un dos seus soños era verse rodeada de carballos que chegan ata as nubes ou de loureiros que impregnan o seu fermoso perfume. Os seus amigos falábanlle de todo isto, e ela intentaba imaxinalo, pero non era capaz: só coñecía unhas decrépitas árbores do parque.

    Un día, Eva perdeu o autobús ao saír do instituto e tivo que ir andando a casa. Polo camiño, viu un pequeno paxaro que debía de estar migrando a outras terras. Sorprendida, agachouse a acaricialo. Antes de que puidese achegarse, este botouse a voar e, por algunha razón, a nena decidiu seguilo. Botou a correr e, sen darse conta, tropezou e caeu ó chan. De súpeto, viu un camiño no medio duns edificios. Era moi estreito pero logrou pasar. Ao camiñar, o terreo pasou de ser asfalto a terra e vislumbrou unha especie de cova. Cun pouco de medo, entrou e, ao pasar ó outro lado, viu o que máis desexaba... As árbores esmeraldas, os froitos escarlata, as follas douradas e o ceo azul celeste, coma un inmenso manto de zafiros adornado con pequenos diamantes. Non coma o ceo gris da cidade, contaminado, sen vida, que nin deixa ver o sol. A nena sentouse no chan, en fronte dun pequeno lago. Descalzouse e sumerxiu os pés na auga. Mollou tamén as mans e refrescou a súa delicada cara. Eva quedou sorprendida de como podía existir unha auga tan pura e tan fresca, que mollaba as súas sonroxadas meixelas e impregnaba as súas pequenas pestañas de diminutas gotas cristalinas. Despois dun rato, volveu á súa casa pensando en todo o que vira.

    Ó día seguinte, ao saír do instituto, para sorpresa das súas amigas, non colleu o autobús e seguiu o camiño do outro dia para voltar ó bosque. Desta vez, atopou un atallo e chegou antes do previsto. Unha vez alí, descalzouse e correu pola herba húmida ata un fermoso carballo. A nena, que era un pouco torpe, subiu con moitas dificultades ata as pólas máis altas da árbore. Observou dende arriba todo o bosque no seu máximo esplendor. Sentiu o vento azotar o seu pelo e, mentres apartaba uns mechóns de pelo que lle tapaban a visión, viu a posta de sol: unha fermosa obra de teatro na que o actor protagonista escóndese detrás do telón ata a próxima función, na que brillaría de novo no seu máximo esplendor. Pero agora tocaba deixar entrar en escea á súa amiga a lúa.  Cando Eva volvía a casa, atopou uns cogomelos que tiñan un aspecto delicioso. Lira unha vez que, para saber se eran velenosos ou non tiña que mirar a súa parte de abaixo. Parecían comestibles, así que levounos a casa. Ó chegar, ensinoullos á súa nai, que lle preguntou onde os mercara, e explicoulle que eran uns cogomelos moi ricos e difíciles de encontrar. Eva non quería que se soubese a existencia do bosque. Era o seu bosque e, se alguén o averiguaba, as fábricas de mobles da cidade (que tiñan que obter a madeira doutros pobos)  talarían todas as árbores e o bosque desaparecería. Entón, díxolle á súa nai que os comprara no mercado. Os cogomelos estaban, en efecto, deliciosos.

    Eva colleu coma costume ir ó bosque ao saír do instituto, e cada día descubría cousas novas: novos aromas, novas cores, novos sabores... Novas vivencias. Ás veces levaba o seu libro de bioloxía e observaba as plantas, intentando determinar o seu nome. Pero nunca, nunca, arrincaba ningunha folla ou flor. Non quería deteriorar o bosque: parecíalle perfecto tal e como estaba.

    Un día, á saída, detrás dela ía David, un neno da súa clase moi desagradable. Non se metía en problemas pero sempre che miraba coma se estiveses moi por debaixo del. Eva procuraba non falar con el para non sentirse humillada. Isto era fácil pois se che dicía simplemente ola, eras moi afortunado! Polo que supuxo que non lle preguntaría onde ía. Procurou andar máis rápido e chegou moi pronto ó camiño que se dirixía ó bosque. Coma sempre, pasou pola cova ata chegar. Por algunha estraña razón, aquel día, sentíase un pouco incómoda... Serían cousas súas... Todo transcurriu con normalidade e chegou á casa á hora de sempre, con deliciosos cogomelos no peto. Mentres estaba na cama, pensou en todo o que lle ocorrera. De repente, acordoulle David. Ese neno sempre tiña un aire raro, non só a desprecio, tamén a tristeza. Todo o mundo sabía que o seu pai tiña unha gran fortuna por ser o director da maior empresa madereira da cidade, que cada vez ía a peor pola pouca vexetación da zona. Pero non só iso, tamén dicían que o pai de David andaba metido en asuntos moi raros. Non se sabía de que tipo pero, unha cousa estaba clara, non era nada bó.

    Outro día máis, Eva volveu dar o seu paseo ata o bosque. Sentíase máis tranquila que o outro día, inexplicablemente. Foi sen présa ata o bosque. Pasou con coidado pola cova, pero, por algunha razón, estaba empezando a respirar mal e notaba o aire enrarecido. Comezou a toser. Pensou que sería alerxia, e correu ata o bosque. Alí veu o peor que podía haber visto, o máis cruel que podía haberse feito... Alguén había incendiado o bosque. Eva correu o máis rápido que podía, con lágrimas nos beizos, ata chegar á cidade. A primeira persoa que pasou foi David, así que por moito que odiase facelo, pediulle axuda desesperadamente. Botouse ao chan e colleu alento e suplicoulle con todas as súas forzas. David mirouna mal, coma sempre facía, pero esta vez unha bágoa correu pola súa cara ata chegar ós seus beizos. Respirou profundamente, retorceu a perna ata librarse da nena e foise andando, moi lentamente. Esta vez, Eva odiaba máis que nunca a David. Agora entendía o que el sentía, o que era o desprecio... Correu ata buscar a algún pai pero ninguén lle fixo caso, todos pensaban que bromeaba, que non había ningún bosque. A nena seguiu pedindo axuda, sen resultado. Desesperada, caeu ao chan: chorou, levouse as mans á cara e non se deu levantado. Entón chegou a policía, que, inexplicablemente, estaba enterada do que pesaba. A nena guiounos entre bágoas ata o bosque pero, cando chegaron, xa era demasiado tarde: o bosque de Eva desaparecera entre o lume pouco a pouco.

    Ao día seguinte, a nena estaba tan mal que non fora ao instituto. Ás dúas e media, cando debería estar chegando a casa, alguén chamou ó timbre da súa porta. Eva baixou a abrir e alí estaba David. A rapaza, enfadada, pechou a porta, pero antes de que o fixese, el puxo un pe no medio.

    - Déixame pasar.

    - Non! Por que ía facelo? Pola túa culpa xa non queda nada do meu bosque! Menos mal que alguén pediu axuda...

    - Eva, só escoita isto. Era demasiado tarde, só che digo eso. Non veño aquí a pedir perdón, nin a traerche un regalo, nin a explicarte as cousas. De que ía servir? Só veño a dicir esto: "era demasiado tarde". Non crees que o que faga eu agora xa da igual?

    - Non che entendo e non quero entenderche. Eres un mentiroso e un falso! Agora sei o que é o odio, a rabia e o desprecio. Ensináchesme ti.

    - Adeus, Eva. Só che dixen o que che tiña que dicir. Se abres os ollos verás a realidade.

    Á mañán seguinte, o pai de David estaba nas noticias. El e a súa empresa provocaran o incendio, cousa que non tiña sentido. Por que queimar un bosque que podería facerche rico? Parece que hai xente que prefire ter menos só para ver que os demais non teñan nada. Pero o que se preguntaba Eva era... Como o averiguaran os da prensa e a policía? Na televisión dixeran que a información chegara ao cuartel ás cinco da tarde, hora na que Eva vira a David por esa zoa... A nena foi máis tarde por alí. Tiñan unha nota para ela que dicía "Querida Eva: o bosque xa non está, pero eu xa fixen todo o que podía. Recorda que onde haia agua florecerá unha flor, e onde haia esperanza sempre qudará algo." Entón Eva chorou, pero non de tristeza, nin de rabia... Eva choraba de emoción. Sorriu: David avisara á policía, e incluso fora o que acusara ó seu pai! Eva botou unha gargallada enorme, e foi correndo á casa do rapaz, ao que lle deu unha aperta enorme e un bico.

     Mentres todos nos esforcemos e traballemos unidos, sempre permanecerán as cousas que queremos. Entre elas a natureza: un tesouro que moitos temos e non sabemos valorar. Así que a partir de agora, fixádevos nos pequenos detalles, nas cousas que vos parecerán as máis insignificantes, porque algúns non teñen a sorte de telas. Pode que desaparecese o bosque de Eva, pero aínda quedan moitos outros que descubrir e que conservar: moitos bosques secretos.