MICRORRELATOS gañadores da II edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas convocado polos equipos de normallización dos centros de ensino da Estrada
18-03-2015 11:11Microrrelatos gañadores:
1º / 2º ESO. Microrrelato
“Ela”, Patricia Riveira Magán (2º B ESO)
Román non atinaba a dicir o día preciso no que a coñecera, ese día no que entrou na súa vida para estar ao seu carón e darlle alento. Ela sempre estaba, era o seu resolio. Facía que puidera ollar o mundo deixando na estrada mágoas e angurias que facían del unha persoa desgraciada.
Malpocado, sempre pensou que estaría á súa beira sen condicións. Co tempo, a súa relación tornouse adictiva, perigosa. Moitas veces intentou esquecerse dela, pero sempre retornaba, porque precisaba sentila, probala. Por ela perdeuno todo, incluso o xuízo. Pero cando un gramo dela entraba no seu corpo, el podía voar...
3º / 4º ESO. Microrrelato
“Nostalxia no corazón”, Alba Mato Búa (3º B ESO)
Amada miña:
Lamento tanto o día no que te deixei que aínda hoxe me pesa no corazón. Recordo con dolorosa nitidez aquel amencer de outono, como o teu fermoso rostro se afastaba conforme eu conducía pola mollada estrada. Aquel día o teu abundante cabelo, da cor das follas outonais, brillaba á tenue luz da mañá. As bágoas escorregaban polas túas meixelas, formando ríos. Os teus ollos, dun azul forte e doce, semellaban un océano embravecido e un mar en calma ao mesmo tempo. Desexo volver a contemplar a túa beleza, Galicia, a miña amada terra.
1º / 2º BACHARELATO. Microrrelato
“As pedras nas que se apoiaba...”, Uxía Prado Cerqueiro (1º C Bacharelato)
As pedras nas que se apoiaba estaban molladas, espertou entre tremores e decatouse do lugar no que se atopaba. Un deserto, figuras abstractas, feitas co que semellaba un fume moi denso o rodeaban. A paisaxe semellaba un lugar formado por cores escuras, tristes, incluso psicodélicas, perdérao todo, a carteira, o móbil... mesmo a roupa e porén non estaba asustado. Soou o que parecía música ao lonxe, cada ve máis alta, máis cerca... Coñecía esa canción, era a súa favorita, cada vez máis alto, podía sentir o tremor das notas graves no chan, sentíase extasiado pola música, era feliz.