Homenaxe a Pinto d' Herbón

Homenaxe a Pinto d' Herbón
Vincular un dos regueifeiros actuais máis coñecidos coa máis excelsa poeta das nosas letras. Este foi o eixe da Coroa Poética para Pinto D'Herbón, que unía dous referentes da cultura local nunha homenaxe que a Fundación Rosalía de Castro acolleu o pasado sábado. A valía deste improvisador e a súa contribución á nosa cultura puxéronse de relevo nun acto que contou con presenzas destacadas da nosa cultura. 
Pinto d´Herbón fíxose coñecido a comezos dos anos noventa como un renovador da regueifa. Letras actuais, presenza nos medios e a súa capacidade para a improvisación fixeron de Pinto D'Herbón parte fundamental do movemento Bravú. Precisamente o feito de que o seu traballo se basea na actuación ao vivo provocou que dese nunha escasa discografía, con apenas un feixe de temas compostos e gravados como A motoserra, Nitramón quinse, quinse, quinse, ou Paviméntame. No entanto, desde a Fundación Rosalía e un grupo de promotores do ámbito Bravú quixeron recoñecer este importante traballo coa celebración o pasado sábado da Coroa poética para Pinto D'Herbón, un evento que contou coa participación de persoeiros como Xurxo Souto, Manuel Rivas, Luís O Caruncho e Paola Beiro.
Pinto d' Herbón con Manu Chao e Xurxo Souto