A USC COMEZA UNHA CAMPAÑA PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO

A USC COMEZA UNHA CAMPAÑA PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de iniciar a campaña "Ensinas máis do que cres", para fomentar o uso da lingua galega entre os docentes da universidade.

O uso do galego na docencia dos graos no curso 2014-2015, segundo os datos que manexa a propia USC, foi do 21,52% sobre o cómputo de horas de docencia global (máis de 384.000 horas), mentres que o do castelán foi dun 74%.

En conxunto, segundo sinala a USC, os usos lingüísticos na docencia non son moi equilibrados, polo que subliña a institución académica que "dificilmente o alumnado vai aprender competencias lingüísticas profesionais", e "non se favorece a consolidación de actitudes positivas cara ao galego", segundo explicou a vicerrectora do Servizo Universitario do Campus de Lugo, Carme Silva.

A USC destaca que cando un docente usa o galego o seu alumnado tamén o emprega moito máis. Un estudo realizado o pasado curso na Universidade de Santiago demostrou que un mesmo grupo de clase usa o galego ata un 70% máis nos exames se o profesor lles impartiu as clases nese idioma.

[Información achegada por Martín Mato}