MICRORRELATOS gañadores da IV edición do Concurso de microrrelatos e micropoemas

17-03-2017 00:00

Microrrelatos gañadores:

Categoría B1 (1º e 2º da ESO)

 

JULIA GARCÍA MADRIÑÁN.

1º ESO A

"A sintaxe do verán"
Rematou o curso. Toca verán. Un tempo desbordante de soños en infinitivo, de promesas por conxugar: viaxar, fantasiar, troulear, festexar, soñar, curiosear, imaxinar, voar, asubiar, debuxar, ler, crer, aventurarse, engulir, enfeitizar, bicar, namorar, namorarse do verán que está por desfrutar. Mágoa non ter sitio para suxeitos nin predicados. Isto só é un relato curto.

 

Categoría B2 (3º e 4º da ESO)

 

ANDREA GONZÁLEZ PEREIRA

4º ESO B

 

"A visión do lobo"
Era un día de verán cando camiñaba polo bosque. Vin unha rapaza vestida de vermello, que andaba a coller flores, e non só iso; tamén matou un mosquito que a acompañaba. Non podía crer o que vira. Decidinme a falar con ela e contoume que ía cara á casa da súa avoa.
Cheguei á casa da anciá e conteille todo o que a súa neta fixera. Entón, para darlle unha lección, vestinme da avoa da rapaza e metinme na cama, mentres que a verdadeira avoa estaba no armario.
Logo, chegou a rapaza. E o resto da historia xa o coñecedes.

 

 

Categoría C (1º e 2º de bacharelato)

 

NICOLÁS PUENTE LUNA

1º BACH. C

"O sol do verán"
Ilustrísima ergueuse devagar. Viña de saborear un polbo xigante e unha mestura de mazás con queixo. A súa redonda humanidade repousaría nunha hamaca na horta, ao frescor dunha laranxeira que, segundo a veciñanza, daba as laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Entre os seus pés ficaba pasmada a galiña azul. Ilustrísima atopábase alí na gloria, estomballado, coa sotana desabotoada e os cordóns dos zapatos afrouxados, acariñado agradablemente por un vento ferido que reparaba a abafante calor. Antes de adormecer, ficou un intre coa mirada perdida no azul e branco do ceo e esbozou un sorriso de satisfacción imaxinando a Deus sentado nun sillón azul, baixo o sol do verán.